Asteroides na distancia

asteroidstreak_hst_350

Créditos da imaxe: R. Evans & K. Stapelfeldt (JPL), WFPC2, HST, NASA

Explicación: Todos os días estrélanse contra a Terra rochas procedentes do espazo. Canto máis grandes, porén, menor é a frecuencia con que o fan. De cotío moitos quilogramos de po espacial choven sobre a Terra. Os anacos máis grandes teñen o aspecto de brillantes meteoritos. Rochas do tamaño dunha pelota de béisbol e bólas de xeo penetran na nosa atmosfera de cotío, pero a maioría evapórase axiña. As ameazas máis significativas son as rochas duns cen metros de diámetro que chocan coa Terra cada mil anos aproximadamente. Se un obxecto dese tamaño caíse ao océano podería causar tsunamis potencialmente devastadores, incluso sobre as ribeiras máis afastadas. Unha colisión cun asteroide masivo de máis dun quilómetro de diámetro é raro acontecemento que se produce en intervalos de millóns de anos pero que podería ter consecuencias verdadeiramente globais. Hai moitos asteroides por descubrir. Nesta imaxe, captada polo Telescopio Espacial Hubble en 1998, detectouse un na longa raia azul. O ano pasado descubriuse que este asteroide, o  2012 DA14, de 50 metros de ancho, pasará dentro da órbita dos satélites xeoestacionarios da Terra o vindeiro venres. Unha colisión cun asteroide de grandes dimensións non afectaría á órbita da Terra, pero o po que levantaría afectaría ao clima. Un resultado probable sería a extinción global de moitas especies de seres vivos, unha extinción que seguramente empequenecería a extinción continua que se está a producir agora mesmo.

Texto orixinal no APOD.