O cometa Lemmon preto do polo sur celeste

Cometa Lemmon preto do polo sur celeste
Créditos da imaxe e copyrightPeter Ward (Barden Ridge Observatory)

Explicación: varrendo na actualidade os ceos meridionais, o cometa Lemmon (C/2012 F6) recibiu o seu nome polo seu descubrimento o ano pasado como parte do Mount Lemmon (Arizona) Survey (Exploración Monte Lemmon – Arizona). O cometa Lemmon, máis brillante do agardado pero aínda xusto por baixo da visibilidade a simple vista, ostenta unha impresionante coma verde lima e unha tenue cola dividida nesta imaxe telescópica do 4 de febreiro. O ton verdello provén da fluorescencia do gas C2 diatómico da coma pola luz solar. Captado desde un observatorio preto de Sydney (Australia), a composición en cor está construída a partires dunha serie de exposicións individuais rexistradas do cometa. Ao través dun campo de visión de 1 grao de ancho, os ronseis estelares son unha consecuencia do relativamente rápido movemento do cometa contra o fondo de estrelas preto do polo sur celeste. O cometa, no seu movemento cara o norte, debería facerse máis brillante, chegando ao cumio (magnitude 3 máis ou menos) cando estea no punto máis achegado ao Sol a finais de marzo. A primeiros de abril debería ser visible desde o hemisferio norte. Por suposto, este ano o cometa Lemmon pode ben ser outro fermoso cometa mentres os observadores celestes do planeta Terra tamén anceian as primeiras vistas do cometa PANSTARRS mailo cometa ISON.

Texto orixinal no APOD.