Os brazos de M106

M106-HST-Sgendler900Créditos: datos da imaxe – Hubble Legacy Archive, Robert Gendler, Jay GaBany; procesado – Robert Gendler

Explicación: os brazos en espiral da brillante galaxia M106 espállanse por este excepcional retrato de múltiples tomas, composto de datos procedentes de telescopios espaciais e con base en terra. Tamén coñecida coma NGC 4258, M106 pode atoparse cara a constelación setentrional Canes Venatici. A distancia precisa a M106 é de 23,5 millóns de anos luz, tendo esta escena cósmica uns 80.000 anos luz de diámetro. Como é típico nas grandes galaxias espirais, os corredores escuros de po, os cúmulos de estrelas azuis novas e as rexións rosadas de formación estelar perfilan os brazos espirales que converxen no núcleo brillante de estrelas amarelas máis vellas. Pero esta composición detallada desvela indicios de dous brazos anómalos que non se aliñan cos máis familiares. Como se ve aquí en tons vermellos, filamentos extensos de gas hidróxeno brillante parecen erguerse desde a rexión central de M106, evidencia de chorros enerxéticos de material que estoupou cara o disco da galaxia. Probablemente os chorros son alimentados pola materia que cae ao interior dun burato negro central masivo.

Texto orixinal no APOD.