NGC 4372 e o chintófano escuro

doodad_eder900xCréditos da imaxe e copyrightIvan Eder

Explicación: a encantadora Nebulosa do Chintófano Escuro téndese ao través dos ceos meridionais, un obxectivo tentador para os binoculares na constelación Musca, a Mosca. A nube cósmica de po óllase contra ricos campos estelares xusto ao sur da destacada Nebulosa Saco de Carbón e a Cruz do Sur. Estirándose uns 3 graos por esta escena, o Chintófano Escuro parece punteado no seu extremo sur (abaixo á esquerda) polo cúmulo estelar globular NGC 4372. Por suposto, NGC 4372 vaga polo halo da nosa galaxia Vía Láctea, un obxecto ao fondo a uns 20.000 anos luz de distancia que só por casualidade coincide na liña de visión do Chintófano Escuro. A silueta, ben definida, do Chintófano Escuro pertence á nube molecular Musca; pero o seu alcume máis coñecido, pola aliteración, foi acuñado por primeira vez polo escritor e astrofotógrafo Dennis di Cicco en 1986 mentres observaba o cometa Halley desde interior de Australia. O Chintófano Escuro está ao redor de 700 anos luz de distancia e ten uns 30 anos luz de longo.

N. T.: no orixinal inglés denomínase “dark dooded”, de aí que fale da aliteración do seu nome. “Dooded” vén a ser un couso, un chisme, un “non sei que” ou chintófano. Escollín esta última denominación sen máis criterio.

Texto orixinal no APOD.

2 reflexións sobre “NGC 4372 e o chintófano escuro

  1. Gustoume moito a tradución!. Por certo, cal é o termo en español para esa nebulosa?

    • Pues non atopei referencias. Quizais porque é unha nebulosa de observación recente e de pouca tradición observacional. En España non se pode ver aínda que si en América do Sur. Doutra vez que aparecera, hai uns anos na versión en castelán desta páxina, observatorio.info, o autor deixáraa sen traducir “nebulosa Doodad” pero cunha nota que explicaba o significado da palabra: chisme, “no-se-qué”.

      Eu optei por unha palabra máis resoante en galego, xa que non se podía manter a aliteración do orixinal “dark doodad”. E estiven por poñerlle “ferragancho”, pero pareceume excesivo.

      Obs.: cando tiña xa feito este comentario atopo pola rede unha referencia moi interesante coa historia da constelación; http://www.surastronomico.com/exotico-cielo-profundo-20-a-la-pesca-con-mosca.html

      Seica na Arxentina denominan a esta nebulosa como “Río Grande”.

      Graciñas polo teu comentario.

Os comentarios están pechados.