O Cráter Stickney

Cráter Stickney
Créditos da imaxe: HiRISEMROLPL (U. Arizona)NASA

Explicación: o cráter Stickney, o cráter máis grande na lúa marciana Phobos, recibe este nome por Chloe Angeline Stickney Hall, matemática e dona do astrónomo Asaph Hall. Asaph Hall descubriu ámbalas dúas lúas do planeta vermello en 1877. Duns 9 quilómetros de diámetro, ten case a metade de diámetro do propio Phobos, tan grande que o impacto que estourou no cráter estivo a piques de destruír a pequena lúa. Esta imaxe abraiante en cores realzadas de Stickney e o seu contorno captouna a cámara HiRISE a bordo do Mars Reconnaissance Orbiter (Orbitador de Recoñecemento de Marte) mentres pasou a uns seis mil quilómetros de Phobos en marzo de 2008. Incluso aínda que a gravidade superficial de Phobos (practicamente un asteroide) é menor cá unha milésima da gravidade da Terra, as marcas suxiren que os materiais liberados derrubáronse polas paredes interiores do cráter pasado un tempo. As zonas de cor azul clara preto da crista do cráter poderían indicar a presenza dun material exposto nun momento relativamente recente. A orixe dos curiosas marcas ao longo da superficie é un misterio pero podería estar relacionado co impacto que formou o cráter.

Texto orixinal no APOD.