Cas A: visual e raios X

Créditos da imaxe: raios X – NASA, JPL-Caltech, NuSTAR; visual – Ken Crawford (Rancho Del Sol Obs.)Explicación: o remanente de supernova Cassiopeia A (Cas A), a secuela dun cataclismo cósmico, está a uns amplos 11.000 anos luz de distancia. A luz da supernova Cas A, a explosión mortal dunha estrela masiva, chegou por primeira vez á Terra hai xusto 330 anos. Aínda en expansión, a nube de refugallos da explosión abarca 15 anos luz preto do centro desta imaxe composta. A escena combina datos en cor do campo estrelado e os filamentos máis tenues de material en enerxías do visual con datos do telescopio orbital de raios X NuSTAR. Cartografados en cores simuladas, os datos de raios X en tons azuis trazan o anel fragmentado máis exterior da onda de choque en expansión, que brilla a enerxías de ata 10.000 veces a correspondente aos fotóns da luz visual.

Texto orixinal no APOD.