A fuxidía nebulosa Medusa

Créditos da imaxe e copyrightDieter Willasch (Astro-Cabinet)
Explicación: normalmente tenue e fuxidía, a Nebulosa Medusa aparece nesta engaiolante imaxe telescópica. Á deriva preto da brillante estrela Eta Geminorum, no pé dun xemelgo celeste, a Nebulosa Medusa aparece cos seus tentáculos pendurando desde a brillante cadea arqueada de emisión á esquerda do centro. De feito, a medusa cósmica é parte do remanente de supernova IC 443 con forma de burbulla, a nube de refugallos en expansión procedente dunha estrela masiva que explosionou. A luz da explosión chegou por primeira vez ao planeta Terra hai uns 30.000 anos. Coma a súa curmán en temas astronómicos, o remanente de supernova da Nebulosa Cangrexo, IC 443 é coñecida por albergar unha estrela de neutróns, o remanente do núcleo estelar colapsado. A Nebulosa Medusa está a uns 5.000 anos luz de distancia. A esa distancia, esta imaxe tería uns 100 anos luz de diámetro.

O mellor do APOD 2012: descarga de balde o Calendario APOD 2013

Texto orixinal no APOD.