NGC 5189: unha nebulosa planetaria estrañamente complexa

Créditos da imaxe: NASAESA, Equipo Hubble Heritage (STScI/AURA)

Explicación: por que esta nebulosa é tan complexa? Cando unha estrela coma o noso Sol está a morrer desfarase das súas capas máis externas, normalmente cunha forma simple xenérica. Ás veces esta forma é unha esfera, ás veces un lóbulo dobre e, ás veces, un anel ou unha hélice. Porén, no caso da nebulosa planetaria NGC 5189, non emerxeu tal estrutura sinxela. Para axudar a averiguar por que, o Telescopio Espacial Hubble que orbita a Terra ollou recentemente NGC 5189 moi polo miúdo. Os achádegos previos indicaron a existencia de material emerxente de múltiples épocas, incluíndo unha recente que creou un toro brillante pero distorsionado que transcorre horizontalmente ao través do centro da imaxe. Os resultados semellan consistentes cunha hipótese de que a estrela moribunda é parte dun sistema estelar binario cun eixe de simetría que precesa. Aínda con estes novos datos aportados, seguro que continuará a investigación. NGC 5189 abarca uns tres anos luz e atópase a uns 3.000 anos luz de distancia cara a constelación meridional da Mosca (Musca).

Texto orixinal no APOD.