47 Tuc preto da pequena nube de Magallanes

Créditos da imaxe e copyright: Ivan Eder

Explicación: o cúmulo globular 47 Tucanae é unha xoia do ceo do sur. Tamén coñecido como NGC 104, vaga polo halo da nosa galaxia Vía Láctea xunto con outros 200 cúmulos globulares estelares. O segundo cúmulo globular máis brillante (despois de Omega Centauri) tal e como se olla dende a Terra, atópase a uns 13.000 anos luz de distancia e pódese observar a simple vista preto da Pequena Nube de Magallanes (SMC) na constelación de Tucán. Por suposto, a SMC atópase a uns 210.000 anos luz de distancia, unha galaxia satélite da nosa Vía Láctea, e non está físicamente preto de 47 Tuc. As estrelas nas aforas da SMC poden ollarse enriba á esquerda desta ancha paisaxe celeste. Cara a parte inferior dereita, co mesmo diámetro aparente que unha Lúa chea, o denso clúster 47 Tuc está composto de varios millóns de estrelas nun volume que só abrangue 120 anos luz de diámetro. Máis aló do núcleo brillante do cúmulo, as xigantes vermellas de 47 Tuc son doadas de atopar como estrelas de cores amarelentas. O cúmulo globular 47 Tuc é tamén o fogar de sistemas de estrelas binarias de raios X.

Texto orixinal no APOD.