Un cuádruplo halo luar sobre España

Créditos da imaxe e copyright: Dani Caxete

Explicación: ás veces a caída de cristais de xeo converte á atmosfera nunha lente xigantesca que provoca a aparición de arcos e halos arredor do Sol e a Lúa. O pasado sábado, preto de Madrid, en España, foi unha desas veces, cando o ceo de inverno mostrou non só unha Lúa brillante senón catro halos. O obxecto máis brillante que se olla na parte superior da imaxe de enriba é a Lúa. A luz da Lúa refráctase ao través dos cristais hexagonais de xeo que descenden e producen un halo de 22 graos arredor da Lúa. Prolongando horizontalmente o arco de 22 graos hai outro halo circunscrito causado pola columna de cristais de xeo. E o que é máis estraño, unha parte da luz da Lúa refráctase ao través de cristais de xeo máis distantes e forma un terceiro arco, unha especie de arco da vella a 46 graos da Lúa que aquí se olla xusto enriba da pintoresca paisaxe invernal. Tamén se olla parte dun halo circular de 46 graos, de xeito que, de feito, a fotografía mostra un cuádruple halo extremadamente raro, especialmente tratándose da Lúa. As árbores cubertas de neve que se ven en primeiro plano son as que bordean a estrada do Porto de Navacerrada, na Serra de Guadarrama, preto de Madrid. Lonxe, ao fondo, pódese ver unha coñecida paisaxe celeste de inverno que inclúe Sirio, o cinturón de Orión e Betelgeuse, todos visibles entre os arcos interiores e exteriores. Estes halos e arcos soen durar entre minutos e horas, de xeito que se ollas un terás tempo de invitar a familiares, amigos e viciños para compartirescon eles a insólita vista do ceo.

Texto orixinal no APOD.