O burato negro da Vía Láctea

Créditos da imaxe: NASA, JPL-Caltech, NuSTAR project
Explicación: no centro da nosa Galaxia Vía Láctea, a uns simples 27.000 anos luz de distancia, hai un burato negro con 4 millóns de veces a masa do Sol. Coñecido con agarimo coma Sagittarius A* (pronunciado A-asterisco), o burato negro da Vía Láctea é afortunadamente apracible comparado cos buratos negros centrais das galaxias activas afastadas, consumindo moito máis quedamente o material que o arrodea. Aínda que de tempo en tempo estoura. Nesta serie de imaxes exclusivas de raios X do Nuclear Spectroscopic Telescope Array (NuSTAR) en órbita captouse un arrouto recente cunha duración de varias horas. Lanzado o pasado 13 de xuño, o NuSTAR é o primeiro en proporcionar imaxes enfocadas na zona ao redor de Sgr A* en enerxías de raios X máis elevadas que as accesibles aos observatorios Chandra e XMM. A recente secuencia de labaradas, que abarca dous días de observacións do NuSTAR, ilústrase nos paneis da dereita. Os raios X prodúcense no material quentado a uns 100 millóns de graos Celsius, acelerado a case a velocidade da luz mentres cae ao interior do burato negro central da Vía Láctea. O recadro principal coa imaxe de raios X abarca uns 100 anos luz. Nel, a brillante rexión branca representa o material máis quente que está máis achegado ao burato negro, mentres que a nube rosada probablemente pertence a un remanente de supernova próximo.

Texto orixinal no APOD.