Nubes en Cygnus

Créditos e copyrightDatos da imaxe – Bob CatonAl HowardEric ZbindenRogelio Bernal Andreo;
Procesado – Rogelio Bernal Andreo
Explicación: nubes cósmicas de gas e po vagan por este magnífico mosaico que cobre un campo de 12 x 12 graos na constelación de altos voos Cygnus. A paisaxe celeste colaborativa, unha combinación de datos de imaxes de banda ancha e estreita presentadas na paleta de cores do Hubble, fica ancorada pola superxigante estrela Deneb, brillante e quente, por baixo do centro e preto do bordo esquerdo. Deneb, a estrela alfa de Cygnus, está no alto do asterismo da Cruz do Norte, visible aquí preto do escuro baleiro denominado Saco de Carbón do Norte. Por baixo del están as nebulosas recoñecibles de Norteamérica e o Pelícano (NGC 7000 e IC 5070). Outra estrela superxigante, Sadr (gamma Cygni) está preto do centro do campo xusto por riba das ás billantes da Nebulosa Volvoreta. Seguindo en liña cara enriba e á dereita atoparemos a máis compacta Nebulosa da Media Lúa e, finalmente, a Nebulosa Tulipán preto da parte superior do cadro. A maior parte destas nebulosidades complexas atópanse a uns 2.000 anos luz de distancia. Xunto con Sol, están no brazo espiral de Orión da nosa galaxia da Vía Láctea.

Texto orixinal no APOD.