VdB 152: unha pantasma en Cepheus

Créditos da imaxe e copyrightStephen Leshin
Explicación: descrito coma unha “cortina poeirenta” ou “aparición fantasmagórica“, a misteriosa nebulosa de reflexión VdB 152 é realmente moi tenue. Afastada da túa veciña noite de Halloween, a pantasma cósmica está a case 1.400 anos luz de distancia. Tamén catalogada coma Ced 201, sitúase ao longo da Vía Láctea setentrional na constelación real de Cepheus. Preto do límite dunha gran nube molecular, os embolsamentos de po interestelar da rexión bloquea a luz das estrelas do fondo ou difunde a luz da brillante estrela empotrada dándolle a partes da nebulosa unha característica cor azul. A luz ultravioleta procedente da estrela tamén se cre que provoca unha débil luminescencia avermellada no po nebular. Aínda que as estrelas se forman en nubes moleculares, esta estrela parece vagabundear de xeito accidental pola zona, xa que a velocidade medida ao través do espazo é moi diferente da velocidade da nube. Esta profunda imaxe telescópica da rexión abarca uns 7 anos luz.

Texto orixinal no APOD.

N.T.: deixamos a denominación orixinal de Halloween, aínda que na nosa terra contamos con Samain ou Samaín.