Luz zodiacal e vía láctea

Créditos da imaxe e copyright: Babak Tafreshi (TWAN)

Explicación: esta vista do ceo completo dunha noite de outubro inclúe as aparicións pantasmais de dous planos fundamentais do ceo do planeta Terra. A escena foi tirada baixo o ceo escuro dun campamento xunto a un lago ao norte de Maine, Estados Unidos. Nela o plano da nosa galaxia Vía Láctea arquéase por enriba do débil resplandor do horizonte. A luz zodiacal, unha banda de poeira que dispersa a luz do Sol ao longo do plano da eclíptica do Sistema Solar, esténdese case horizontalmente sobre o campo en gran angular e cruza a Vía Láctea preto dun punto sinalado polo planeta Xúpiter. Á dereita de Xúpiter, pasado o cúmulo estelar das Pléiades, ollamos o resplandor da banda zodiacal coñecida como Gegenschein, tamén visible a simple vista nesta noite escura. Arrodeado por máis dunha estrela ardente e elevándose por enriba das montañas lonxanas, Orion o cazador refléxase nas calmas augas do lago.

Texto orixinal no APOD.