Unha nebulosa espiral arrodeando R Sculptoris

Créditos da visualización: ALMA Observatory (ESO/NAOJ/NRAO)

Explicación: que está a pasar ao redor desa estrela? Descubriuse unha estraña estrutura espiral ao redor da estrela da Vía Láctea R Sculptoris, unha estrela xigante vermella localizada a uns 1.500 anos luz de distancia cara a constelación do Escultor (Sculptoris). A estrela observouse co novo Atacama Large Millimeter/submillimeter Array (ALMA), o conxunto de telescopios máis potente que observa preto das lonxitudes de onda milimétricas, bandas de luz situadas ben máis alá da luz vermella e entre as microondas e as ondas de radio. Os datos das observacións desde ALMA usáronse para crear unha visualización 3D do gas e po que envolven á estrela. Un corte dixital ao través destes datos amosaron a inesperada estrutura espiral. Aínda que estraño, un diagrama espiral semellante descubriuse en luz visible recentemente ao redor  de LL Pegasi. Trala análise dos datos, trazouse a hipótese de que a estrela xigante vermella en R Sculptoris podería estar expulsando gas cara unha estrela binaria compañeira non visible. A dinámica deste sistema podería ser particularmente desvelador xa que aportaría pistas sobre como as estrelas xigantes evolucionan cara o final das súas vidas; e liberar así algúns elementos constitúentes de novo ao medio interestelar para que se poidan formar novas estrelas.

Texto orixinal no APOD.