Estrelas e po ao través de Corona Australis

Créditos da imaxe e copyright: Marco Lorenzi (Glittering Lights)
Explicación: nubes de po cósmico espállanse ao través dun campo rico de estrelas nesta ampla vista telescópica preto do límite setentrional da Corona Australis, a Coroa Meridional. Probablemente a menos de 500 anos luz de distancia e bloqueando de xeito efectivo a luz procedente das estrelas do fondo, máis distantes, da Vía Láctea, a parte máis densa da nube de po ten uns 8 anos luz de longa. Na súa punta (arriba á dereita) hai un grupo de encantadoras nebulosas de reflexión catalogadas coma NGC 6726, 6727, 6729 e IC 4812. A característica cor azul prodúcese cando a luz das estrelas quentes se reflicte polo po cósmico. A nebulosa amarelenta máis pequena (NGC 6729) rodea a estrela nova variable R Coronae Australis. O magnífico cúmulo globular de estrelas NGC 6723 está cara a esquina superior dereita da imaxe. Mentres NGC 6723 parece formar parte do grupo, realmente atópase a case 30.000 anos luz de distancia, moito máis alá das nubes de po da Corona Australis.

Texto orixinal no APOD.