Abandonando Vesta

Créditos da imaxe: NASAJPL-CaltechUCLA, MPS, DLR, IDA
Explicación: vindeira parada: Ceres. A pasada semana a nave espacial robótica Dawn rematou a súa misión dun ano de duración no asteroide Vesta, converténdose na primeira sonda espacial que endexamais visitara este afastado mundo situado entre Marte e Xúpiter, no cinto principal de asteroides do Sistema Solar. Moitas das mellores fotografías tiradas por Dawn a Vesta foron recompiladas na imaxe superior. Vesta amosa evidencias de ser un refugallo dos primeiros anos do noso Sistema Solar, un bloque construtivo para os planetas rochosos como a Terra. A antiga superficie de Vesta atópase chea de cráteres e depresión longas probablemente creadas por enormes impactos. A gravidade baixa dos planetas menores permite que haxa rasgos superficiais coma os enormes cantís e unha gran montaña que acada o dobre de altura que o Monte Everest terrestre, visible na parte inferior da fotografía. Porén, Vesta, cos seus 500 quilómetros de diámetro, é só o segundo obxecto máis masivo do cinto de asteroides. E, por iso, hai dúas semanas Dawn acendeu os seus sutís foguetes iónicos e comezou a persecución do máis masivo: Ceres. Se todo acontece como se planeou, Dawn chegará a Ceres en 2015. Ceres parece bastante diferente para un telescopio afastado pero, que atopará Dawn?

Texto orixinal no APOD.