Resplandor sobre Italia

Créditos da imaxe e copyright: Tamas Ladanyi (TWAN)
Explicación: nesta tranquila paisaxe celeste nocturna, o grácil arco da Vía Láctea esténdese sobre os cumios prominentes dos Alpes italianos coñecidos coma Tre Cime di Lavaredo. A escena, unha panorámica gran angular de 180 graos feita en catro exposicións o 24 de agosto, apunta ao norte e o ceo está envolto nunha pantasmal luz verdella. Ademais, as bandas de sutil brillo non son auroras, senón resplandores. A diferenza das auroras que están alimentadas polas colisión de potentes partículas cargadas e se ven a latitudes elevadas, o resplandor débese á quimio-luminescencia, a produción de luz nunha reacción química, e atópanse por todo o globo. A enerxía química é fornecida pola radiación ultravioleta extrema do Sol. Como nas auroras, os tons verdes deste resplandor orixínanse a altitudes de 100 quilómetros aproximadamente e están dominadas pola emisión de átomos de osíxeno excitados. Os resplandores, visibles máis facilmente preto do horizonte, evitan que o ceo nocturno sexa completamente escuro.

AstroGalicia 2012: Encontro galego de Astronomía. Xa podes apuntarte!
Texto orixinal no APOD.

2 reflexións sobre “Resplandor sobre Italia

  1. Hoxe (e onte, madia leva) temos un deses fenómenos atmosféricos para o cal os ingleses axiña constrúen un termo novo: “airglow”. E, o problema, está en traducilo. Optamos polo momento en poñer “resplandor” sen máis (tamén poderíamos ter posto brillo, fulgor…). En portugués, por exemplo, chámanlle “luminescencia atmosférica” (ver a wikipedia) pero, no contexto das palabras de hoxe, parecíanos que o termo era demasiado esclarecedor e moi técnico. Na wiki española optan por deixalo como “airglow”.

    Así que se alguén ten algunha suxestión, estamos abertos a estudar outras propostas.

  2. ¿Luminiscencia?, ¿porque se ve en la oscuridad del cielo?. Un saludo. 🙂

Os comentarios están pechados.