A primeira panorámica en cor desde Marte pola Curiosity

Créditos da imaxe: NASAJPL-CaltechMSSS
Explicación: acabas de aterrar en Marte e abres os teus ollos; que ves? Se ti es o todoterreo Curiosity, ves un estraño lugar pedroso cunha gran montaña ao lonxe. Aterraches no obxectivo preto do bordo do Cráter Gale de 150 km de ancho, co Monte Sharp no horizonte facendo aparición no centro do cráter. Un todoterreo do tamaño dun coche con seis rodas e un láser, prepáraste ti só para iniciar unha misión de exploración de dous anos, escalando o Monte Sharp e procurando sinais de que Marte albergara vida algunha vez. Na actualidade ficas sen moverte, comprobándote a ti mesmo e recibindo un informe polo miúdo desde a Terra sobre as cousas que necesitarás coñecer mentres rodas pola zona, tentando evitar envorcares ou que as túas rodas se atranquen na area. As túas exploracións rodantes comezarán probablemente nuns poucos días. Que atoparás? Que hai aí fóra?

AstroGalicia 2012: Encontro galego de Astronomía. Xa podes apuntarte!
Texto orixinal no APOD.