IC 1396: nebulosa de emisión en Cepheus

Créditos da imaxe: Digitized Sky Survey, ESA/ESO/NASA FITS Liberator
Composición de cor: Davide De Martin (Skyfactory)

Explicación: a sensacional nebulosa de emisión coñecida como IC 1396 mistura gas cósmico brillante e nubes escuras de poeira na alta e afastada constelación de Cepheus. Excitada pola brillante e azulada estrela central que se olla aquí, esta rexión de formación estelar abrangue centos de anos luz (espandíndose máis de tres graos no ceo, estando a preto de 3.000 anos luz do planeta Terra). Entre as intrigantes formas escuras da IC 1396, a sinuosa trompa da Nebulosa do Elefante queda xusto debaixo do centro. A belida vista en cores é unha composición feita a partir dunhas placas fotográficas en branco e negro dixitalizadas gravadas a través de filtros astronómicos vermellos e azuis. As placas foron tiradas entre 1989 e 1993, empregando o Samuel Oschin Telescope, un instrumento de investigación de campo amplo do Palomar Observatory.

Texto orixinal no APOD.