Messier 5

Créditos da imaxe e copyright: Adam Block, Mt. Lemmon SkyCenter, University of Arizona

Explicación: “Fermosa nebulosa descuberta entre a Balanza [Libra] e a Serpe [Serpens] …”: así comeza a descripción da quinta entrada no famoso catálogo do século XVIII de Charles Messier de nebulosas e cúmulos estelares. Se ben a Messier parecíalle difuso, redondo e sen estrelas, Messier 5 (M5) é agora coñecido por ser un cúmulo globular estelar, con 100.000 estrelas ou máis, atado pola gravidade e empaquetado nunha rexión de preto de 165 anos luz de diámetro. Queda a 25.000 anos luz de distancia. Deambulando polos arredores da nosa galaxia, os cúmulos globulares estelares son vellos membros da Vía Láctea. M5 é un dos máis vellos cúmulos, as súas estrelas teñen preto de 13.000 millóns de anos de idade. O fermoso cúmulo estelar é un obxectivo popular dos telescopios terrestres. Incluso preto do seu denso centro, as estrelas xigantes vermellas e azuis destacan co seu brillo amarelento e azul nesta definida imaxe a cores.

Texto orixinal no APOD.