Sistema Estereoscópico de Elevada Enerxía II

Imaxe cortesía de: H.E.S.S. Collaboration
Explicación: o meirande telescopio da súa clase, o High Energy Stereoscopic System II (H.E.S.S. ou Sistema Estereoscópico de Elevada Enerxía) fica no primeiro plano desta foto. Inclinado horizontalmente, reflicte a paisaxe invertida do deserto namibio no seu espello segmentado de 24 metros de ancho por 32 metros de alto, igual á área de dúas canchas de tenis. Comeza agora unha exploración do Universo en enerxías extremas; H.E.S.S. II recibiu a súa primeira luz o 26 de xullo. A maioría dos telescopios terrestres con lentes e espellos vense dificultados pola protectora e maternal atmosfera da Terra que provoca imaxes borrosas e difunde e absorbe a luz. Pero o telescopio H.E.S.S. II é un telescopio Cherenkov deseñado para detectar raios gamma (fotóns cun milleiro de millóns de veces a enerxía da luz visible) e requiren realmente a atmosfera para funcionar. Cando os raios gamma impactan coa atmosfera superior producen no aire chuvias de partículas de alta enerxía. Unha gran cámara no foco do espello grava polo miúdo os destellos breves de luz visual, denominados radiación Cherenkov, creados pola chuvia de partículas no aire. O telescopio H.E.S.S. II funciona coordinado co conxunto doutros catro telescopios Cherenkov de 12 metros que proporcionan imaxes estereoscópicas múltiples das chuvias de partículas, relacionándolas coas enerxías e procedencias dos raios gamma cósmicos que entran.

AstroGalicia 2012: Encontro galego de Astronomía. Xa podes apuntarte!

Texto orixinal no APOD.