O Tulipán do Cisne

Créditos da imaxe e copyright: Michael Joner, David Laney (West Mountain Observatory, BYU); Procesado – Robert Gendler
Explicación: esta vista telescópica, que encadra unha zona de emisión brillante, mira ao exterior do plano da nosa Galaxia Vía Láctea, cara a constelación rica en nebulosas Cygnus, o Cisne. Chamada popularmente a nebulosa Tulipán, a nube brillante de gas interestelar e po tamén se atopa no catálogo de 1959 realizado polo astrónomo Stewart Sharpless como Sh2-101. A uns 8.000 anos luz de distancia a nebulosa non é, comprensiblemente, a única nube cósmica que evoca imaxes de flores. A fermosa e complexa nebulosa amósase aquí nunha imaxe composta que cartografía a emisión dos átomos ionizados de xofre, hidróxeno e osíxeno nas cores vermella, verde e azul. A radiación ultravioleta procedente da potente e nova estrela HDE 227018, de tipo O, ioniza os átomos e potencia a emisión da nebulosa do Tulipán. HDE 227018 é a estrela brillante que está moi preto do arco azul do centro da imaxe.

Texto orixinal no APOD.