Simulación: a formación dunha galaxia de disco

Créditos do vídeo: Fabio Governato et al. (U. Washington), N-Body ShopNASA Advanced Supercomputing

Explicación: como se forman as galaxias coma a nosa Vía Láctea? Como o noso universo se move demasiado lentamente para ollalo, créanse as simulacións computacionais máis rápidas para averigualo. Na película de enriba, o verde representa (na maior parte) o gas hidróxeno mentres o tempo se amosa en milleiros de millóns de anos desde o Big Bang na parte inferior dereita. A omnipresente materia escura está presente pero non visible. Mentres a simulación comeza, o gas ambiente cae e amoréase en rexións de relativamente alta gravidade. Pronto se forman numerosas proto-galaxias, xiran e empezan a fusionarse. Despois duns catro milleiros de millóns de anos, materialízase un núcleo ben definido que domina unha rexión duns 100.000 anos luz de diámetro e empeza a parecerse a unha galaxia de disco moderna. Despois duns poucos milleiros de millóns de anos máis, porén, este galaxia temperán colisiona con outra, todo iso mentres correntes de gas doutras fusións choven a cachón nesta estraña e fascinante danza cósmica. Mentres a simulación acada a metade da idade actual do universo, desenvólvese un disco sinxelo máis grande. Aínda así, as burbullas de gas (algunhas representan pequenas galaxias satélite) caen e son absorbidas pola galaxia en rotación mentres chega á época actual e a película remata. Porén, para a nosa Galaxia Vía Láctea, as grandes fusións poden non ter rematado; evidencias recentes sinalan que a nosa gran galaxia de disco espiral colisionará e fusionarase coa lixeiramente máis grande galaxia de disco espiral de Andrómeda nos vindeiros milleiros de millóns de anos.
Texto orixinal no APOD.