Nube escura na Aguia

Créditos da imaxe e copyright: Adam BlockMt. Lemmon SkyCenterUniversity of Arizona
Explicación: parte dunha extención escura que divide o ateigado plano da galaxia da Vía Láctea, a Greta da Aguia forma un arco ao traverso dos ceos de verán do hemisferio setentrional preto da brillante estrela Altair mailo Triángulo de Verán. Perfiladas contra o difuso brillo estelar da Vía Láctea, as súas nubes moleculares poeirentas probablemente conteñen material en bruto para formar centos de miles de estrelas e os astrónomos pescudan con ansia as nubes na procura de signos desveladores de nacemento estelar. Este primeiro plano telescópico apunta cara a rexión do complexo fragmentado de nubes escuras da Aguia identificado coma LDN 673, estendéndose ao través dun campo de visión máis ancho có da lúa chea. Na escena, hai indicios visibles de potentes fluxos cara o exterior asociados con estrelas novas que inclúen a pequena nebulosidade tinguida de vermello RNO 109 na parte superior esquerda e o obxecto Herbig-Haro HH32 na parte superior e á dereita do centro. As nubes escuras da Aguia atópanse a unha distancia estimada duns 600 anos luz. A esa distancia, este campo de vista abarca uns 7 anos luz.
Texto orixinal no APOD.