IC 2574: a nebulosa de Coddington


Créditos da imaxe e copyright: Stephen Leshin
Explicación: as grandes galaxias espirais a miúdo parecen levar toda a gloria, fachendeando dos seus cúmulos de estrelas azuis, novas e brillantes, no seus fermosos e simétricos brazos espirais. Pero as galaxias pequenas e irregulares tamén forman estrelas. De feito, a galaxia anana IC 2574 amosa unha clara evidencia de intensa actividade de formación estelar nas súas reveladoras rexións rosáceas de gas hidróxeno brillante. Xusto como nas galaxias espirais, as turbulentas rexións de formación estelar de IC 2574 son remexidas por ventos estelares e explosións de supernova que botan material ao medio interestelar da galaxia e desencadean máis formación estelar. A tan só 12 millóns de anos luz de distancia, IC 2574 é parte do grupo de galaxias de M81, que se olla cara a constelación setentrional da Osa Maior. Tamén coñecida como a nebulosa de Coddington, este encantador universo illa ten uns 50.000 anos luz de diámetro, e descubriuna o astónomo estadounidense Edwin Coddington en 1898.
Texto orixinal no APOD.