M65 e M66

Créditos da imaxe e copyright: Bill Snyder (Heavens Mirror Observatory)
Explicación: achegadas e brillantes, as galaxias espirais M65 (arriba) e M66 destacan nesta encantadora instantánea cósmica. A parella está xusto a 35 millóns de anos luz de distancia e ten ao redor de 100.000 anos luz de diámetro, máis o menos o tamaño da nosa propia espiral da Vía Láctea. Mentres ámbalas dúas amosan prominentes corredores poeirentos atravesando os seus amplos brazos espirais, M66 en particular ten un abraiante contraste de tons vermellos e azuis; o desvelador brillo rosado do gas hidróxeno das rexións de formación estelar e cúmulos de estrelas azuis mozas. M65 e M66 compoñen os dous terzos do ben coñecido Triplete de Leo de galaxias con abaneos e colas de marea que ofrecen evidencias dos encontros próximos no pasado do grupo. A gran M66 albergou catro supernovas descubertas desde 1973.
Texto orixinal no APOD.