M13: o Gran Cúmulo Globular de Hércules


Créditos da imaxe e copyright: Martin Pugh
Explicación: en 1716, o astrónomo inglés Edmond Halley anotou, “Isto non é senón unha pequena Mancha, pero amósase por si mesma ao Ollo espido, cando o Ceo está sereo e a Lúa ausente”. Naturalmente, M13 é agora recoñecido modestamente coma o Gran Cúmulo Globular de Hércules, un dos máis brillantes cúmulos globulares de estrelas do ceo setentrional. As imaxes telescópicas desvelan centos de miles de estrelas do espectacular cúmulo. A unha distancia de  25.000 anos luz, as estrelas do cúmulo amoréanse nunha zona de 150 anos luz de diámetro, pero achegándonos ao núcleo do cúmulo máis de 100 estrelas poderían conterse nun cubo de só 3 anos luz de lado. En comparación, a estrela máis achegada ao Sol está a uns 4 anos luz de distancia. Xunto co denso núcleo do cúmulo, as partes máis externas de M13 saliéntanse nesta imaxe de cores definidas. As estrelas xigantes vermellas e azuis xa  desenvolvidas, do cúmulo, desvélanse en tons amarelados e azuis.
Texto orixinal no APOD.