Un triplete de Saxitario

Créditos da imaxe e copyright: Martin Pugh
Explicación: estas tres nebulosas brillantes son amosadas a miúdo nas visitas telescópicas da constelación Sagittarius e os campos ateigados de estrelas da Vía Láctea central. De feito, o turista cósmico do século XVIII Charles Messier catalogou dúas delas; M8, a nebulosa grande á esquerda do centro, e a colorida M20 á dereita. A terceira NGC 6559, está por riba de M8, afastada da nebulosa máis grande por un corredor de po escuro. As tres son garderías estelares a uns cinco mil anos luz de distancia máis ou menos. A espallada M8, con aproximadamente un centenar de anos luz de diámetro, tamén é coñecida como a Nebulosa da Lagoa. O alcume popular de M20 é a Trífida. O gas hidróxeno brillante crea a cor vermella dominante da nebulosa de emisión, con tons azuis contrastados, o máis abraiante da Trífida, debido ao po que reflicte a luz estelar. Esta ampla paisaxe celeste tamén inclúe un dos cúmulos estelares abertos de Messier, M21, xusto por riba e á dereita da Trífida.

Texto orixinal no APOD.