Toda a auga de Europa

Créditos da ilustración e copyrightKevin Hand (JPL/Caltech),
Jack Cook (Woods Hole Oceanographic Institution), Howard Perlman (USGS)
Explicación: que cantidade de Europa, a lúa de Xúpiter, está feita de auga? Unha chea dela, realmente. Baseándose nos datos tomados pola sonda Galileo durante a súa exploración do sistema xupiteriano desde 1995 ata 2003, Europa posúe un océano global e fondo de auga líquida por baixo dunha capa de xeo superficial. O océano sub-superficial máis a capa de xeo poderían ter dos 80 aos 170 quilómetros de fondura de media. Adoptando unha estimación de 100 quilómetros de fondo, se toda a auga de Europa estivera recollida nunha bóla tería un radio de 877 quilómetros. Como escala, esta intrigante ilustración compara a bóla hipotética de toda a auga de Europa co propio tamaño de Europa (esquerda) e, o mesmo, para toda a auga do planeta Terra. Cun volume de 2-3 veces o volume de auga dos océanos terrestres, o océano global de Europa segue a ser un destino tentador na pescuda de vida extraterrestre no noso sistema solar.
Texto orixinal no APOD.