Lanterna Saturno

Créditos: VIMS TeamU. ArizonaESANASA
Explicación: coñecido polo seu brillante sistema de aneis e as numerosas lúas, o xigante gasoso Saturno semella estraño e pouco familiar nesta imaxe en falsa cor desde a nave espacial Cassini. De feito, neste mosaido do Visual and Infrared Mapping Spectrometer ou Espectrómetro de Cartografado no Visual e Infravermellos (VIMS) os famosos aneis son case invisibles, vistos de canto atravesando o centro da imaxe. O contraste máis abraiante da imaxe está ao longo do terminador ou a fronteira entre a noite e o día. Á dereita (lado diurno) os tons azul-verdosos son visibles pola luz solar reflectida desde as nubes superiores de Saturno. Pero á esquerda (lado nocturno) en ausencia de luz solar, o brillo semellante a unha lanterna da radiación infravermella desde o interior cálido do planeta perfila as características dos niveis de nubes máis fondos de Saturno. O brillo infravermello tamén alumea desde as amplas sombras dos aneis de Saturno que avanzan ao través do hemisferio superior do planeta.
Texto orixinal no APOD.