Perigoso amencer en Gliese 876d

Crédito da ilustración e copyright: Inga Nielsen (Hamburg Obs., Gate to Nowhere)

Explicación: no planeta Gliese 876d as alboradas son perigosas. Se ben ninguén sabe realmente como son as condicións neste planeta, que está nunha órbita cercana á estrela variable e anana vermella chamada Gliese 876, a ilustración artística de enriba ofrece unha aproximación. Cunha órbita que estaría dentro da de Mercurio e unha masa varias veces a da Terra Gliese 876d faría unha rotación tan lenta que existirían dramáticas diferenzas entre a noite e o día. Enriba imaxínase a Gliese 876d mostrando un significativo vulcanismo posiblemente provocado polas deformacións ocasionadas polas mareas gravitacionais e a calor interna do planeta, sendo máis volátil durante o día. A estrela anana vermella que amanece mostra a presumible actividade magnética que inclúe dramáticas e violentas prominencias. No ceo mostrado enriba, unha hipotética lúa tería unha delgada atmósfera arrastrada polo vento solar da anana vermella. Gliese 876d excita a imaxinación en parte porque é un dos poucos planetas extrasolares coñecidos que se atopan dentro ou preto da zona habitable da súa estrela nai.

Texto orixinal no APOD.