Panorámica da luz zodiacal

Créditos da imaxe e copyrightMiloslav Druckmüller (UM FSI, Brno Univ. of Technology), Shadia Habbal (IfA, Univ. of Hawaii)

Explicación: estendéndose desde o horizonte leste deica o oeste, esta panorámica de 360 graos segue a banda de luz zodiacal ao longo do plano da eclíptica do sistema solar. O po que esparexe a luz solar produce o tenue brillo zodiacal que abarca este plano de coordenadas fundamentais da esfera celeste, correspondente ao camiño anual aparente do Sol ao través do ceo e o plano da órbita da Terra. O engaiolante panorama é un mosaico de imaxes realizadas desde o luscofusco ata o mencer durante o curso dunha soa noite en dous lugares diferentes de Mauna Kea. As luces de Hilo (Hawaii) están no horizonte oriental (esquerda), coas estruturas dos telescopios Subaru e os xemelgos Keck preto do horizonte occidental. Na ben escollida noite sen lúa, Venus brillaba como a estrela matutina xusto por riba do horizonte oriental, e Saturno estaba preto da oposición. De feito, vese a Saturno inmerso nun brillo da franxa zodiacal coñecido coma o gegenschein. O gegenschein tamén se atopa preto de 180 graos en elongación ou distancia angular desde o Sol ao longo da eclíptica. Na proxección do mosaico, o plano da nosa Galaxia da Vía Láctea transcorre en ángulo, cruzando a banda horizontal de luz zodiacal por riba dos dous horixontes. As nebulosas, estrelas e nubes de po do bulbo do centro galáctico están a emerxer no leste.

Texto orixinal no APOD.

2 reflexións sobre “Panorámica da luz zodiacal

  1. Foto pra ver ampliada (premede nela) e percorrela a todo placer de lado a lado (no apta para teléfonos móbiles).

    O “gegenschein” é unha palabra alemana que se emprega sen traducir. Tedes un breve artigo na Wiki que aclara un pouquiño o que é, con varias fotos: http://gl.wikipedia.org/wiki/Gegenschein

    Iso si, na versión inglesa atribúenlle o seu descubrimento a un xesuíta, un século antes que o artigo da galipedia. E vós, vistes algunha vez a luz zodiacal ou o gegenschein? Seguro que si. Outra cosa é que fósedes conscientes.

  2. Pingback: URL

Os comentarios están pechados.