Venus multi-cor

Créditos da imaxe e copyright: Sean Walker (SkyandTelescope.comMASIL Astro-Imaging)

Explicación: o brillante Venus reloce agora nos ceos occidentais no crepúsculo. Ollado coma unha destacada estrela verpertina, o planeta é unha atraínte almenara celeste incluso para os observadores ocasionais do ceo. Aínda que Venus pode ofrecer menos satisfacción en miradas telescópicas. O planeta está envolto en nubes reflectantes que parecen brillar sen características especiais no ocular. Aínda así, un fotografado coidadoso cunha serie de filtros de cor, tal e como se fixo nestas imaxes compostas, poden desvelar sutís patróns de nubes. Captadas a comezos do pasado mes desde un observatorio caseiro en Manchester (New Hampshire, EE.UU.), as fotografías están baseadas en fotogramas de videocámara. Os datos graváronse a traves de filtros no ultravioleta curto, verde e infravermello curto (esquerda), e filtros vermello, verde e azul mentres Venus ficaba bastante por riba do horizonte occidental xusto antes do solpor. Esta aparición vespertina estacional de Venus é a mellor para os observadores do hemisferio setentrional en 7 anos. Rematará, en última instancia, cun tránsito solar do planeta, o último que ocorrerá na túa vida, o 5/6 de xuño.

Texto orixinal no APOD.