Lúa e planetas sobre Cataluña

Créditos da imaxe e copyrightJuan Carlos Casado (TWAN)
Explicación: Venus e Xúpiter parecerán extraordinariamente xuntos no ceo ao longo do vindeiro mes. A conxunción planetaria será visible facilmente a simple vista debido a que Venus parecerá máis brillante que calquera outra estrela do fondo, e Xúpiter será case igual de brillante. Para ver o aliñamento próximo, simplemente olla cara o oeste tralo solpor. No momento de máximo achegamento, o 15 de marxo, os dous planetas aparecerán afastados só por tres graos. Os planetas non están preto de xeito significativo no espazo; Venus só estará a pasar case por diante de Xúpiter tal e como se ve desde a Terra. Na composición superior realizada a semana pasada desde CataluñaEspaña, unha brillante lúa en crecente aparece á dereita de Venus, mentres Xúpiter aparece preto do alto da imaxe. As afastadas esferas iluminadas polo Sol foron fotografadas trala escultura que representa a lendaria batalla entre un guerreiro e un dragón. Unha galería de imaxes da conxunción pode verse en Asterisk; o lugar de discusión do APOD. Por favor, contribúe con plena liberdade. A vindeira conxunción de Xúpiter-Venus acontecerá en maio de 2013.

Texto orixinal no APOD.