Os misteriosos aneis da supernova 1987A

Créditos da imaxe: ESA/Hubble, NASA

Explicación: que é o que causan eses estraños aneis na supernova 1987A? Hai uns vintecinco anos, en 1987, foi vista na Gran Nube de Magallanes a supernova máis brillante da historia recente. No medio da ilustración de enriba hai un obxecto procedente dos restos dunha explosión estelar. Ao redor do centro hai outros aneis externos que semellan un 8 esmagado. A pesar de que grandes telescopios (entre eles o Telescopio Espacial Hubble) revisan os curiosos aneis cada poucos anos, a súa orixe segue a ser un misterio. Ilustrada enriba hai unha imaxe do remanente da SN1987A tirada o ano pasado. As especulacións sobre a causa dos aneis inclúen chorros brillantes que emanan dende unha estrela de neutróns oculta que quedou no lugar da supernova, e a interacción do vento da estrela proxenitora con gas liberado antes da explosión.

Texto orixinal no APOD.

4 reflexións sobre “Os misteriosos aneis da supernova 1987A

  1. As supernova son o único evento cósmico que é posible ver evolucionar polos humanos, debido á rapidez dos cambios que se producen. Lembremos que o resto de fenómenos que poden parecer rápidos, como colisións galácticas. nacementos de estrelas… son incriblemente lentos en comparación cunha vida humana.

    Así pois, a observación de supernovas, tanto para a súa detección temperá como a súa evolución posterior, amosa moitas respostas ás dúbidas sobre o Universo. Pero tamén, como neste caso, aportan novas dúbidas e misterios aos que darlle resposta.

    P.D.: agora a foto do día debía verse máis grande no voso ordenador, desde hai un par de días. Se non é así, dádelle a F5 para refrescar a pantalla e evitar que o navegador non actualice os cambios.

  2. Outra mostra do interese da investigación de remanentes de supernova, especialmente os que teñen unha forma estrana (non circular) está en:
    http://chandra.harvard.edu/photo/2012/g350/ (en inglés).
    É unha noticia de primeiros de mes de febreiro e ben puido ser un APOD. Quen sabe, igual aínda o chega a ser.

  3. O APOD de mañán tamén trata dunha supernova.

    Eu soño con ver a simple vista, antes de morrer, unha gran supernova. Quen sabe…

    • Pois non perdas detalle de Betelgeuse… (en Orión, señoreando nos nosos ceos por estas datas tralo solpor). Porque Eta Carinae quédanos un pouco fóra do noso campo de visión.

      Trátase de dúas estrelas que se consideran moi vellas e a piques de explosionar en forma de supernova. Claro que, en termos astronómicos, “a piques” pode supoñer miles de anos. Ou mañá mesmo.

Os comentarios están pechados.