O quinteto de Stephan

Datos da imaxe: Hubble Legacy Archive, ESA, NASA; procesamento: Al Kelly

Explicación: nesta atractiva imaxe formada a partir de datos do extenso Hubble Legacy Archive aparece o primeiro grupo compacto de galaxias que foi identificado, o Quinteto de Stephan. A preto de 300 millóns de anos luz de distancia, só catro destas cinco galaxias están realmente atrapadas nunha danza cósmica de repetidos encontros cercanos. A infiltrada é, en todo caso, doada de detectar. As galaxias que interactúan, NGC 7319, 7318A, 7318B, e 7317 teñen un ton xeral amarelento. Tenden a ter rizos e colas deformes, desenvolvidas baixo a influencia das perturbadoras mareas gravitatorias. A galaxia predominantemente azul, a NGC 7320, atópase máis preto, xusto a 40 millóns de anos luz de distancia, e non forma parte do grupo. O Quinteto de Stephan queda na periferia da alta constelación de Pegasus. Tendo en conta a distancia estimada do cuarteto de galaxias que interactúan entre elas, o campo de visión abrangue preto de 500.000 anos luz. Con todo, movéndose un pouco alén do campo de visión, enriba á esquerda, os astrónomos poden identificar outra galaxia, a NGC 7320C, que se atopa a 300 millóns de anos luz de distancia. Por suposto, engadila podería devolverlle ao cuarteto o seu estatus de quinteto.

Texto orixinal no APOD.