Nebulosas de Auriga


Créditos da imaxe e copyrightSteve Cannistra (StarryWonders)
Explicación: rico en cúmulos estelares e nebulosas, a vella constelación do Auriga cabalga alto nos ceos nocturnos do inverno setentrional. Esta ampla imaxe de telescopio, composta a partires de datos ao través de filtros de bandas ancha e estreita e abarcando case 8 lúas cheas (4 graos) do ceo, tirouse en xaneiro e salienta parte da recompensa celeste de Auriga. O campo inclúe a rexión de emisión IC 405 (arriba á esquerda) a uns 1.500 anos luz de distancia. Tamén coñecida como a Nebulosa da Estrela Chameante, as súas nubes vermellas e reviradas de gas hidróxeno brillante están fortalecidas pola estrela quente AE Aurigae, de clase O. IC 410 (arriba á dereita) está significativamente máis afastada, a uns 12.000 anos luz de distancia. A rexión de formación estelar é famosa polo seu novo cúmulo estelar empotrado, NGC 1893, eas nubes de po e gas con forma de cágado. IC 417 e NGC 1931 na parte inferior dereita, a Araña e a Mosca, son tamén cúmulos estelares novos empotrados nas nubes natais que se atopan lonxe máis alá de IC 405. O cúmulo estelar NGC 1907 está preto do límite de abaixo do recadro, xusto á dereita do centro. O repleto campo de visión mira ao longo do plano da nosa galaxia da Vía Láctea, preto da dirección do anti-centro galáctico.

Texto orixinal no APOD.