NGC 3239 e SN 2012A


Créditos da imaxe e copyrightAdam BlockMt. Lemmon SkyCenterUniversity of Arizona
Explicación: cuns 40.000 anos luz de diámetro, a fermosa e irregular galaxia NGC 3239 atópase preto do centro deste adorable campo galáctico na constelación rica en galaxias de Leo. A unha distancia de só 25 millóns de anos luz domina o cadro, amosando un arranxo peculiar de estruturas, cúmulos de estrelas novas e azuis e rexións de formación estelar, que suxiren que NGC 3239 (alias Arp 263) é o resultado dunha fusión de galaxias. Casi no alto da fermosa galaxia aparece unha estrela en primer plano brillante e puntiaguda, unha integrante achegada da nosa propia Vía Láctea case directamente ao longo da nosa liña de visión de NGC 3239. Ademais, NGC 3239 destaca por aloxar a primeira supernova confirmada deste ano, denominada SN 2012A. Foi descuberta a primeiros deste mes polos cazadores de supernovas Bob Moore, Jack Newton e Tim Puckett. Marcada nunha imaxe recortada da imaxe máis ampla, SN 2012A está xusto por baixo e á dereita da brillante estrela do primeiro plano. Naturalmente, baseado no tempo de viaxe da luz deica NGC 3239, a propia explosión de supernova aconteceu hai 25 millóns de anos, provocada polo colapso do núcleo dunha estrela masiva.

Texto orixinal no APOD.