Cygnus X: o traballo interno dunha fábrica de estrelas próxima

 
Créditos da imaxe: NASA/JPL-Caltech/Harvard-Smithsonian CfA
Explicación: como se forman as estrelas? Para axudar no estudo desta complexa materia, os astrónomos tomaron unha profunda imaxe en infravermellos de Cygnus X, a rexión de formación estelar máis grande de toda a Galaxia Vía Láctea. A recentemente publicada imaxe superior realizouse en 2009 polo Telescopio Espacial Spitzer en órbita e traducida dixitalmente a cores que os humanos poden ver, coas zonas máis quentes coloreadas de máis azul. Son visibles grandes burbullas de gas quente inchadas polos ventos de estrelas masivas de contado que se formaron. Os modelos actuais propoñen que estas burbullas en expansión varren o gas e ás veces incluso colisionan, creando a miúdo rexións abondo densas para colapsar gravitatoriamente aínda en máis estrelas. A fábrica estelar Cygnus-X abarca uns 600 anos luz, contén sobre un millón de veces a masa do noso Sol e brilla de xeito prominente nas panorámicas en infravermellos de gran angular do ceo nocturno. Cygnus X atópase a 4.500 anos luz de distancia cara a constelación do Cisne (Cygnus). Nuns poucos millóns de anos, probablemente se restaure a calma e ficará un gran cúmulo aberto de estrelas; que se espallará durante os próximos 100 millóns de anos.

Texto orixinal no APOD.