Enfrontados a NGC 6946

Créditos da imaxe: composta a partir do datos do Subaru Telescope (NAOJ) e Robert Gendler; procesamento: Robert Gendler

Explicación: dende o noso privilexiado punto de vista na galaxia Vía Láctea vemos de fronte a NGC 6946. A grande e fermosa galaxia espiral atópase só a 10 millóns de anos luz de distancia, tras o pano de poeira e estrelas da alta e afastada constelación de Cepheus, que aparece en primeiro plano. Dende o centro cara fóra as cores da galaxia cambian do amarelento da luz das estrelas vellas no centro ata o azul dos cúmulos de estrelas xoves e o vermello das rexións de formación estelar ao longo dos soltos e fragmentados brazos espirais. NGC 6946 tamén alumea en luz infravermella e é rica en gas e poeira, mostrando altas tasas de nacemento e morte de estrelas. De feito, dende comenzos do século XX foron descubertas aquí, en NGC 6946, nove supernovas, a explosiva morte de estrelas masivas. De preto de 40.000 anos luz de envergadura, NGC 6946 é tamén coñecida como galaxia dos Fogos Artificiais. Esta notable imaxe de NGC 6946 é unha composición que inclúe datos procedentes do Telescopio Subaru de 8,2 metros, en Mauna Kea.

Texto orixinal no APOD.