Un anel de Einstein en ferradura desde o Hubble

Créditos da imaxe: ESA/Hubble e NASA
Explicación: que é grande e azul e pode pregarse sobre si mesma ao redor dunha galaxia completa? Un espellismo de lente gravitational. Na fotografía de arriba, a gravidade dunha galaxia vermella luminosa (LRG das súas siglas en inglés) alterou gravitacionalmente a luz procedente dunha galaxia azul moito máis afastada. Máis habitualmente, semellante dobrado da luz resulta en dúas imaxes diferenciadas da galaxia distante, pero aquí o aliñamento da lente é tan preciso que a galaxia do fondo é dobrada nunha ferradura; case un anel completo. Desde que tales efectos de lente se prediciran polo miúdo por Albert Einstein hai uns 70 anos, os aneis coma este denomínanse como Aneis de Einstein. Aínda que LRG 3-757 se descubriu en 2007 nos datos do Sloan Digital Sky Survey (SDSS ou Sondaxe Dixital do Ceo Sloan), a imaxe amosada arriba é unha observación en primeiro plano realizada pola Wide Field Camera 3 (ou Cámara de Amplo Campo) do Telescopio Espacial Hubble. As lentes gravitatorias potentes como LRG 3-757 son máis que raras; as súas múltiples propiedades permiten aos astrónomos determinar a masa e o contido de materia escura das galaxias do primeiro plano ampliadas pola lente.

Texto orixinal no APOD.