Das Pléiades ás Híades

 
Créditos da imaxe e copyrightRogelio Bernal Andreo
Explicación: esta vista cósmica esténdese case 20 graos a través da delicada constelación de Tauro. Comeza nas Pléiades e remata nas Híades, dous dos cúmulos estelares mellor coñecidos do ceo do planeta Terra. Á esquerda, o adorable cúmulo estelar das Pléiades está a uns 400 anos luz de distancia. As estrelas do cúmulo, nunha escena celeste familiar, brillan ao través das nubes poeirentas que difunden a luz estelar azul. Á dereita, o cúmulo das Híades con forma de V parece máis espallado en comparación coas compactas Pléiades e atópase moito máis preto, 150 anos luz de distancia. Naturalmente, as estrelas do cúmulo das Híades parece ancorado pola brillante Aldebarán, unha estrela xigante vermella cunha aparencia amarelada. Pero Aldebarán realmente atópase a só 65 anos luz de distancia, ao longo da liña de visión do cúmulo da Híades por casualidade. As nubes de po tenues atopadas preto dos límites da Nube Molecular de Tauro son tamén evidentes por todo o excepcional mosaico de 12 pezas. O amplo campo de visión inclúe á xuvenil estrela T Tauri e a nebulosa variable de Hind a uns catro graos á esquerda de Aldebarán no ceo.

Texto orixinal no APOD.