Nos brazos de M83

 
Créditos: Hubble Legacy ArchiveESANASAProcesado e imaxes adicionais – Robert Gendler

Explicación: galaxia espiral M83, grande, brillante e fermosa, atópase a uns simples doce millóns de anos luz de distancia, preto da punta sueste da longuísima constelación Hidra. Este primeiro plano cósmico, un mosaico baseado en datos do Hubble Legacy Archive (Arquivo do Legado do Hubble), descobre po escuro e cúmulos de estrelas novas e azuis ao longo dos destacados brazos espirais que lle dan a M83 o seu alcume, A Tarabela do Sur. Unha abundancia de rexións de formación estelar avermelladas, situadas tipicamente preto dos bordos dos grosos corredores de po, suxiren outro alcume popular para M83, A Galaxia do Milleiro de Rubís. O brillante núcleo amarelado de M83, dominado pola luz procedente de estrelas máis vellas, localízase na parte superior dereita. O núcleo tamén brilla en enerxías de raios X que desvelan unha elevada concentración de estrelas de neutróns e buratos negros que quedan dun intenso estoupido de formación estelar. De feito, M83 é un membro dun grupo de galaxias que inclúe a activa galaxia Centaurus A. O campo en primeiro plano da vista abarca uns 25.000 anos luz á distancia estimada de M83.

Texto orixinal no APOD.