A galaxia espiral NGC 3370 dende o Hubble

Créditos da imaxe: NASA, ESA, Hubble Heritage (STScI/AURA); Agradecementos: A. Reiss et al. (JHU)

Explicación: é así como pode verse de lonxe a nosa galaxia Vía Láctea? Semellante en tamaño e deseño xeral ao noso fogar galáctico (se ben sen a barra central), a galaxia espiral NGC 3370 ubícase a uns 100 millóns de anos luz cara á constelación do León (Leo). Retratada enriba con exquisito detalle pola cámara avanzada de inspección do Telescopio Espacial Hubble, a enorme vista frontal da espiral non é só fotoxénica, senón que é o suficientemente marcada como para estudar estrelas individuais coñecidas como cefeidas. Esas estrelas pulsantes foron empregadas para determinar con precisión a distancia de NGC 3370. NGC 3370 foi elixida para o estudo porque en 1994 a galaxia espiral foi o fogar dunha explosión estelar moi estudada (unha supenova de tipo 1a). A distancia coñecida de esta supernova, concebida como luminaria estándar, con base nas medicións das cefeidas, combinada coas observacións de supernovas a incluso maiores distancias, axudou a revelar a magnitude e a taxa de expansión do universo enteiro.

Texto orixinal no APOD.