Soles mozos de NGC 7129

 
Créditos da imaxe e copyrightJohannes Schedler (Panther Observatory)
Explicación: aínda se atopan soles mozos dentro do poeirento NGC 7129, a uns 3.000 anos luz de distancia cara a real constelación de Cefeo. Mentres estas estrelas están nunha idade relativamente tenra, só uns poucos millóns de anos, é probable que o Sol se formara nunha gardería estelar semellante hai uns cinco mil millóns de anos. O máis destacable na definida imaxe son as preciosas nubes azuladas de po que reflicten a xuvenil luz estelar. Pero as formas vermello escuro en media lúa son tamén marcadores de obxectos estelares novos e enerxéticos. Coñecidos como obxectos Herbig-Haro, a súa forma e cor é característico do gas hidróxeno brillante golpeado por chorros que flúen ao exterior desde as estrelas recén nacidas. Máis pálidos, os filamentos extensos de emisión vermella que se mesturan coas nubes azuladas son provocados por grans de po que converten de xeito efectivo a invisible luz estelar ultravioleta en luz vermella visible ao través da fotoluminiscencia. Ao final, o gas natal e o po da rexión serán dispersados, as estrelas afastadas mentres o amplo cúmulo orbita o centro da Galaxia. Á distancia estimada de NGC 7129, esta imaxe telscópica abarca uns 40 anos luz.

Texto orixinal no APOD.