Dentro, ao través e máis alá dos aneis de Saturno


Créditos da imaxe: Cassini Imaging TeamISSJPLESANASA
Explicación: unha cuarta lúa é visible na imaxe superior se miras en fite o suficiente. Primeiro, e máis afastado no fondo, está Titán, a lúa máis grande de Saturno e unha das lúas máis grandes do Sistema Solar. O rasgo escuro que atravesa a cima deste mundo perpetuamente anubrado é a carapucha polar do norte. A seguinte lúa máis evidente é a brillante Dione, visible no primeiro plano, cheo de cráteres e cantís xeados longos. Sobresaíndo desde a esquerda hai varios dos extensos aneis de Saturno, incluíndo o anel A de Saturno que amosa a escura División de Encke. Lonxe á dereita, xusto no exterior dos aneis, está Pandora, unha lúa de só 80 quilómetros de diámetro que axuda a pastorear o anel F de Saturno. A cuarta lúa? Se miras en fite na División de Encke atoparás unha mota que realmente é Pan. Pan, aínda que unha das lúas máis pequenas de Saturno con 35 quilómetros de diámetro, é masiva abondo para axudar a manter a División de Encke relativamente libre de partículas do anel.

Texto orixinal no APOD.