A cor de IC 1795

 
Créditos da imaxe e copyrightBob e Janice Fera (Fera Photography)
Explanation: este retrato cósmico definido amosa nubes de gas brillante e po escurecido en IC 1795, unha rexión de formación estelar na constelación setentrional de Casiopea. Tamén catalogada como NGC 896, os detalles destacados da nebulosa, amosados na súa dominante cor vermella, foron captadas usando unha cámara sensible e exposicións longas que inclúen datos dun filtro de banda estreita. O filtro de banda estreita só transmite a luz H-alfa, a luz vermella dos átomos de hidróxeno. Ionizados pola luz ultravioleta procedente das potentes estrelas novas, un átomo de hidróxeno emite a característica luz H-alfa mentres o seu único electrón é re-capturado e realiza unha transición ata niveis enerxéticos inferiores. Non moi lonxe no ceo do famoso Dobre Cúmulo Estelar de Perseo, a propia IC 1795 está situada preto de IC 1805, a Nebulosa Corazón, como parte dun complexo de rexións de formación estelar que se ubican no límite dunha gran nube molecular. Situada a uns 6.000 anos luz de distancia, o máis grande complexo de formación estelar espállase ao longo do brazo espiral de Perseo da nosa Galaxia Vía Láctea. A esa distancia, esta imaxe abarcaría uns 70 anos luz ao través de IC 1795.

Texto orixinal no APOD.