Un estraño amencer sobre Arxentina

Créditos da imaxe e copyright: Luis Argerich

Explicación: por que un mencer parece tan estraño? Ninguén está seguro. O que é seguro é que o inusual amencer de enriba foi fotografado o pasado mes en Buenos Aires, Arxentina. A masa de auga do primeiro plano é o Río de La Plata, considerado por algúns como o máis ancho río do mundo. Se ben a imaxe superior é realmente a combinación dunha exposición normal cunha exposición moi curta, necesaria para evitar a sobresaturación por causa do brillo solar, o fotógrafo viu esa inusual estrutura cos seus propios ollos, indicando que ese efecto non foi causado por reflexións nin distorsións da cámara ou as lentes. O que parecen brazos nesta ilusión monstruosa realmente poden ser, por exemplo, nubes baixas o suficientemente grosas como para dispersar a luz solar sen bloquear o Sol completamente. Ademais, a distorsión visible na parte baixa da imaxe do Sol pode indicar un vaso etrusco ou un espexismo chamado fata morgana, posiblemente provocados por unha capa refractante de aire sobre a auga. Os fenómenos atmosféricos inusuais son frecuentemente moi emocionantes cando se ollan persoalmente, e se ben a maioría poden ser atribuídos a fenómenos ben coñecidos, outros, por falta de datos, permanecen sendo un misterio.

Texto orixinal no APOD.