A Vía Láctea de Mangaia

Créditos da imaxe e Copyright: Tunç Tezel (TWAN)

Explicación: desde Saxitario deica Carina, a Galaxia da Vía Láctea brilla neste ceo da noite escura sobre a exuberante e paradisíaca illa de Mangaia, do planeta Terra. A espectacular paisaxe celeste, familiar aos cidadáns do hemisferio meridional, inclúe o centro bulboso galáctico na parte superior esquerda e as brillantes estrelas Alfa e Beta Centauri xusto á dereita do centro. Cuns 10 quilómetros de anchura, a volcánica Mangaia é a máis meridional das Illas Cook. Os xeólogos estiman que cos seus 18 millóns de anos de idade é a illa máis vella do Océano Pacífico. Naturalmente, a Vía Láctea é algo máis vella, xa que ás estrelas máis vellas estímanselle uns 13 mil millóns de anos. (Nota dos editores: esta imaxe ten a distinción de ser seleccionada como gañadora no concurso anual do Royal Greenwich Observatory, Astronomy Photographer of the Year, na categoría de Terra e Espazo).

Texto orixinal no APOD.